A Tenente de Alcalde entrega os premios do XXXI Certame Municipal de Teatro para Centros de Ensino de Monforte, que contou con representacións de excelente calidade

A Tenente de Alcalde entrega os premios do XXXI Certame Municipal de Teatro para Centros de Ensino de Monforte, que contou con representacións de excelente calidade

Monforte de Lemos, 9 de maio de 2024. A Tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada, entregou na tarde de hoxe os premios correspondentes ó XXXI Certame Municipal de Teatro para centros de ensino de Monforte, convocado e organizado polo Concello de Monforte, a través da súa Concellería de Cultura, e que se celebrou dende o 15 de abril ata o 3 de maio no salón de actos da Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro.

Tras o visionado dun vídeo resumo das actuacións dos diferentes centros educativos participantes, Glori Prada fixo entrega a cada un dos representantes de ditos centros da gravación, nun lapis de memoria personalizado con logo do Concello e o nome do certame, das obras representadas, así como dun diploma acreditativo para cada un dos participantes.

Participaron un total de 116 alumnos/as de seis centros de ensino da cidade e dúas asociacións, todos eles recibiron un diploma pola súa participación e un DVD coa gravación da obra representada polo seu centro. Os centros educativos que recibiron o galadón foron:

  • CEIP A Gándara, coa obra “A historia xamais contada da Pombiña fachendosa”.
  • ANPA CEIP A Gándara, coa obra “Alicia, o tempo é relativo”.
  • IES Río Cabe, coa obra “A Cincenta non quería perdices”.
  • CEIP de Monforte, coa obra “Tarta de mora”.
  • CEE Infanta Elena, coa peza “Vivan los libros”.
  • Colexio P. Ferroviario, coa obra “Emocional mente”.
  • IES A Pinguela, coa obra “Mortes de risa”.
  • Prodeme, coa obra “Un médico a palos”.

Dende o Concello, destácase que as obras escenificadas resultaron un éxito tanto pola asistencia de público, como pola calidade interpretativa dos alumnos e a orixinalidade e detalles dos decorados, para cuxa elaboración, resultou fundamental a implicación dos pais e nais dos rapaces.

Os asistentes que acudiron ás distintas representacións, saían satisfeitos das actuacións dos rapaces e rapazas, e os centros educativos tamén quedaron moi satisfeitos do traballo realizado pola comunidade educativa e polos alumnos e alumnas.

O Certame de Teatro para Centros de Ensino de Monforte de Lemos organizado pola Concellería de Cultura, e que conta coa colaboración da Deputación de Lugo no Plan Deputación 2024 de Cooperación cos Concellos, é unha das actividades culturais que leva máis anos realizándose neste Concello, xa que xunto cos centros de ensino da cidade se convoca dende o ano 1991. Ten, edición tras edición, un grande éxito en moi diferentes facetas entre as cales salientan a alta e entusiasta participación de nenos e nenas dos diferentes centros e a masiva presenza de público nas representacións teatrais.

O Concello busca a través do certame desenvolver as potencialidades artísticas e técnicas do alumnado e das persoas que o orientan, fomentando a convivencia, a tolerancia, a cooperación e a solidariedade.

A realización desta actividade non sería posible sen o apoio incondicional dos equipos directivos dos centros de ensino e dos seus profesores, en moitos centros formáronse aulas de teatro como actividade extraescolar, que coa súa implicación e enorme traballo logran estes magníficos resultados.

Audiovisual XXXI Certame Municipal de Teatro para Centros de Ensino de Monforte 2024