O Alcalde visita a oficina móbil do programa Acelera PEME da Deputación de Lugo que se instalou hoxe nas Casitas

Monforte de Lemos, 6 de maio de 2024. O Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, visitou hoxe a Oficina Móbil correspondente ó programa Acelera PEME de dito organismo provincial, que se instalou hoxe na Praza da Compañía, diante das Casitas.

Na súa visita, puido comprobar de primeira man o traballo dos técnicos encargados de asesorar a autónomos ou propietarios dunha PEME que precisen impulsar a dixitalización do seu negocio. Nesta Oficina Móbil Acelera PEME proporcionaráselles asesoramento dos dinamizadores dixitais, podendo programar as citas presenciais ou telemáticas que precisen para unha consulta individualizada.

Algúns dos servizos gratuítos do programa Acelera Peme son os seguintes:

  • Servizo de acompañamento dixital individual e personalizado.
  • Análise do estado de dixitalización, soporte e asesoramento á empresa.
  • Apoio na implantación de novas solución dixitais ao negocio.
  • Consultoría en marketing dixital (redes sociais, e-mail marketing, publicidade…)
  • Apoio e acompañamento na solicitude do Kit Dixital.

Esta é unha iniciativa posta en marcha dende a Deputación de Lugo o pasado 13 de setembro para reforzar o asesoramento gratuíto en materia de transformación dixital que vén ofrecendo a institución provincial a empresas e autónomos da provincia a través deste proxecto, que impulsa en colaboración co Goberno do Estado.

Este vehículo, esta oficina móbil, aliméntase de placas solares para a subministración da enerxía necesaria para o funcionamento dos equipos informáticos e da iluminación. Así mesmo, cóntase cun sistema de reciclado da auga de lavado, o que contribúe á reciclaxe do 100% da auga que usa e á redución ata nun 94% da presenza de hidrocarburos. Unha aposta polo aforro enerxético e o coidado do medio ambiente, na liña de favorecer a sostibilidade pola que aposta a Deputación.

“Esta modalidade de asesoramento que visitamos hoxe permitiranos chegar mellor ao noso rural e apoiar máis de preto aos proxectos empresariais cunha atención personalizada”, subliñou o mandatario municipal e provincial.

Coa oficina móbil, a Deputación reforza a actividade que xa se vén desenvolvendo no marco deste proxecto co traballo de 7 axentes dixitais que se moven polas diferentes comarcas e coas oficinas abertas nos concellos de Viveiro, Lugo, A Fonsagrada, Láncara, Monforte e Vilalba.

Neses encontros coas empresas estudan a situación da que parte cada unha delas e buscan ferramentas que encaixen coa súa actividade para beneficiar o seu volume de negocio. Por exemplo, axúdanlles a crear redes sociais e impulsalas para que teñan máis seguidores, tamén á posta en marcha de Whatsapp Business para que interactúen coa súa clientela ou implantan solucións dixitais específicas do seu sector que son moi útiles para os negocios.

O programa Acelera PEMES está dotado con medio millón de euros, dos cales o 80% (400.000€) proceden da Unión Europea a través da entidade pública empresarial Red.Es, dependente do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, e o 20% (100.000€) da propia Deputación de Lugo.